Saltar ao contido

Marca de ceca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marca de ceca da Real Casa de la Moneda - Fábrica Nacional de Moneda y Timbre.

Unha marca de ceca é, no ámbito da numismática, unha letra, unha inscrición, un monograma, un símbolo ou calquera outro sinal presente nunha moeda ou nunha medalla e que serve como indicación da ceca ou casa de moeda onde esta foi cuñada.[1][2][3]

No mundo antigo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cecas da Antiga Roma.
Artigo principal: Cecas bizantinas.
Moeda grega de prata de tres dracmas coa rosa no reverso, marca de ceca das moedas de Rodas

Os antecedentes da marcas de ceca están nas coñecidas como "marcas de maxistrado" características da moeda da Antiga Grecia, que facían mención ao maxistrado que se encargaba da produción desas moedas.[4][5]

Nun primeiro momento, semella que as marcas de ceca apareceron co propósito de localizar e controlar un problema: se unha moeda tiña falta ou exceso de peso, a marca de ceca permitía a localización inmediata da súa procedencia e podería evitarse que o desaxuste se seguise a producir. Este problema non só ocorría accidentalmente, senón que en ocasións algunha ceca alteraba intencionadamente o peso ou a proporción de metal nobre nas súas moedas para aumentar o seu lucro.[6] A alteración do peso e a lei da moeda foi sempre un delito moi perseguido e castigado, nalgunhas civilizacións mesmo coa morte. A modo de exemplo, en 1649, os directores da ceca colonial española de Potosí, na actual Bolivia, foron condenados a morte por mor da evidente alteración que facían da moeda.[7][8]

Nalgúns casos, os símbolos atopados no campo de moedas da Antiga Grecia referían inequivocamente ás casas de moeda e non aos maxistrados. As cecas establecidas en territorios conquistados por Alexandre o Grande cuñaron moedas coa mesma tipoloxía que a característica das de Macedonia, mais engadindo como marca un símbolo local.[9] Por exemplo, Rodas emitiu moedas cos tipos alexandrinos marcadas cunha rosa, un símbolo local anteriormente utilizado nas súas moedas propias.[10][11]

Moeda bizantina dun sólido coa marca de ceca CONOB, do obradoiro de Constantinopla, no exergo do reverso

Xa no Imperio Romano, unha reforma de Diocleciano estableceu a marca de ceca como un elemento regular na moeda romana. Estas marcas situábanse adoito no exergo do reverso e comúñanse de tres partes; a primeira delas caracterizábase polas siglas SM (SACRA MONETA), M (MONETA) ou P (PECUNIA), en función do tipo de moeda; a segunda parte era unha abreviatura da cidade, como é o caso de ROM para Roma; e a parte final indicaba o obradoiro dentro da cidade.[12] A reforma de Anastasio, tomada habitualmente para establecer o límite entre as cuñaxes imperiais romanas e as emisións do Imperio Bizantino e doutros descendentes do romano, substituíu as marcas de ceca nas moedas de ouro pola inscrición CONOB, que aludía ao padrón monetario de Constantinopla, que foi utilizado por unha gran variedade de cecas.[13] Con todo, as marcas de ceca continuaron na moeda de cobre ata a segunda metade do século VII.[14][15][16]

Na Idade Media

[editar | editar a fonte]
Moeda de Fernando II de León (1157-1188) con marca de ceca SIACOBI, da Casa da Moeda de Santiago de Compostela

Na Europa medieval, as marcas de ceca empezaron a aparecer nas moedas francesas baixo Pipino e pasaron a ser obrigatorias baixo o imperio de Carlomagno. En 1389, Carlos IV adoptou un sistema denominado dos "puntos secretos", segundo o cal se colocaba un punto baixo a primeira letra nas moedas cuñadas en Crémieu, baixo a segunda letra nas de Roma e así sucesivamente ata a vixésima segunda letra, que lle correspondía á ceca de Bourges. No século XV, ao esquema dos puntos secretos engadíronselle letras e símbolos situados ao final da lenda como marca de ceca.[17]

A inclusión do lugar de cuñaxe converteuse en xeral en toda a moeda medieval europea e da área mediterránea. Nalgúns casos facíase mención expresa da localidade nas propias lendas das moedas, algo habitual na moeda nazarí (عبد الله محمد / الغالب بالله - "O VENCEDOR POR DEUS / GRANADA"), na visigoda (EMERITA PIVS, Mérida), e na das primeiras épocas dos reinos cristiáns europeos (CIVITAS LONDON, Londres; PARSII CIVIS, París; SIACOBI, Santiago de Compostela).[18][19][20][21]

Noutras ocasións utilizábanse como marcas de ceca letras (non necesariamente siglas) monogramas ou símbolos que se asociaban inequivocamente ás localizades emisoras (B para Burgos, unha cuncha de vieira para A Coruña, unha cunca para Cuenca etc.).[22]

Nas Idades Moderna e Contemporánea

[editar | editar a fonte]
Marca de ceca nunha moeda colonial francesa. A: Monnaie de Paris.

Na Francia de Francisco I, en 1540, cesou o sistema de puntos secretos e estableceuse un sistema de letras no campo das moedas: A para París, B para Ruán…, ata o Z para Lión, ata que foi definitivamente abolido en 1958. Só nalgúns casos de moedas medievais inglesas se facía indicación das cecas de procedencia. Cando en tempos de Guillerme III (1689-1702) cesou a cuñaxe a martelo e se introduciu maquinaria nas casas de moeda comezaron a introducirse marcas baixo o busto con ese propósito.[23] A Real Casa de Moeda de Londres (Royal Mint) estableceu sucursais en puntos do Imperio Británico próximos a zonas de extracción de ouro para a cuñaxe dos seus soberanos, que amosan as iniciais de Sydney, Melbourne, Victoria e Perth, en Australia, así como de Canadá, Suráfrica e a India.[24][25]

Anverso dunha moeda española de 50 reais de Filipe III coa marca de ceca do acuaduto, da Casa da Moeda de Segovia, á esquerda do escudo

España exportou ao seu imperio no Novo Mundo o sistema de marcas de ceca que xa se viña utilizando nas moedas peninsulares, consistentes en iniciais e símbolos diversos (como o acueduto para Segovia ou a cuncha de vieira para A Couña). No novo continente comezou a utilizarse logo de se autorizar o establecemento dunha casa de moeda na Cidade de México, o 11 de maio de 1535. A metrópole española abriu despois cecas esparexidas polos seus territorios americanos e dotou a cada unha coa súa propia marca de ceca. Mesmo despois da súa independencia, México continuou a utilizar a súa marca de ceca colonial, un monograma formado por unha pequena letra "O" sobre un "M".

Real de oito columnario español coa marca de ceca de México (º sobre M)

Na América do Norte, nas primeiras décadas logo da independencia estadounidense, estabeleceuse a Casa da Moeda dos Estados Unidos con cecas en Charlotte (Carolina do Norte) e Dahlonega (Xeorxia), despois do estoupido da "febre do ouro", e estas cecas puxeron tamén sobre as moedas que cuñaban as súas propias marcas. Mesmo no século XXI seguen a utilizarse as marcas P para a ceca de Filadelfia, D para Denver, S para San Francisco, e W para West Point, das nove casas de moeda oficiais que chegaron a existir na historia do país.[26][27]

O caso de Alemaña é similar ao estadounidense, recorrendo ás letras, aínda que nada teñen que ver coa sigla do topónimo: A para a Casa da Moeda de Berlín, D para a Casa da Moeda de Baviera, en Múnic, F para a ceca de Stuttgart, G para a de Karlsruhe e J para a Casa da Moeda de Hamburgo.[28]

Pero non en todos os países se botou man do alfabeto como marca de ceca. En España, por exemplo, aínda que o uso das siglas foi habitual durante séculos, á parte do xa mencionado acueduto para a ceca de Segovia, na derradeira etapa de Isabel II (1833-1868), a partir de 1850, utilizáronse unhas pequenas estrelas que indicaban a ceca en función do seu número de puntas: oito puntas para Barcelona, seis para Sevilla, cinco para Madrid, catro para Xuvia e tres para Segovia.[29]

Algunhas casas da moeda do mundo actual utilizan outros símbolos particulares como marca de ceca; este é o caso da folla de pradairo característica da Royal Canadian Mint do Canadá, ou da cornucopia, propia da Monnaie de Paris.[30]

Na Unión Europea, algunhas das moedas actuais co valor facial en euros amosan a súa correspondente marca de ceca, como é o caso das españolas, co "M" coroado indicativo da Real Casa de la Moneda - Fábrica Nacional de Moneda y Timbre.

Marcas de ceca na moeda galega

[editar | editar a fonte]
Imitación moderna dun tremissis visigodo coa marca de ceca do obradoiro monetario de Olovasio
Noven de billón de Afonso X coa marca de ceca da cuncha de vieira baixo o castelo do anverso
Moeda galega de 8 marabedís de 1817 a nome de Fernando VII, coa marca de ceca "J" da Real Casa da Moeda de Xuvia, á esquerda do busto

As primeiras moedas cuñadas en Galicia, é dicir, os ases, dupondios e outros bronces a nome de Octavio Augusto no obradoiro itinerante situado na área luguesa, caracían de marca de ceca. A súa atribución a tal ceca débese aos lugares de aparición dos tesouros destas pezas e aos motivos que amosan os seus reversos, vinculados ás Guerras Cántabras, contexto no que se produciron estas cuñaxes.[31][32][33]

Xa en época da dominación xermánica dos visigoros, os tremissis emitidos en territoirio aglego, do mesmo xeito que o resto dos da Península Ibérica, amosan como marca de ceca o topónimo íntegro do lugar de cuñaxe: ARROS (Arón, Cedeira), AVRENSE (Ourense), AVIONO (Avión), BERGANCIA (Betanzos), CATORA (Catoira), GIORRES (Valdeorras), INCEIO (O Incio), IRIA (Santiago de Compostela), LVCV (Lugo), PINCIA (Pinza), TORNIO (Torroña), TVDE (Tui), OLIVES (probalemente Olives), FRAVCELLO e outras de atribución incerta.[34][35]

A nome dos reis de Castela e de León, as marcas das cunchas de vieira ou, máis raramente, a letra C, foron indicativo da ceca da Coruña; tamén as vieiras e, noutros momentos, as inscricións IACOBI, S IACOBI ou simplemente SI foron marcas de ceca do obradoiro compostelán; Lugo asociaríase coa inicial L e, probablemente, Ourense coa O.[36][37] A nome de Fernando I de Portugal, cuñaron moeda portuguesa as casas de moeda da Coruña (con marca de ceca CV ou CRV), Milmanda (marca M) e Tui (marca T).[38][39][40]

A derradeira das casas de moeda activas en Galicia, a de Xuvia, tivo como marcas de ceca nas súas moedas J ou ata 1850, cando foi substituída por unha estrela de catro puntas. Nalgunhas das medallas, porén, utilízase o topónimo completo castelanizado JUBIA.[41][42][43][44]

  1. "Qu'est ce qu'un différent". En Monnaie-Magazine.com. 9 de xullo de 2018.
  2. "Marca de ceca". En Alfaro Asins, C. et al. (2009).
  3. "Mint marks". En Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Roman Coins. Londres, 1990. ISBN 978-1852640262
  4. "Magistrado monetal". En Alfaro Asins, C. (2009).
  5. "Mint magistrates". En Melville Jones, J. R. (1990).
  6. "Moneda cercenada". En Alfaro Asins, C. (2009).
  7. Méndez Barozzi, R. "Una respuesta a la escasez de plata: el fraude en la Casa de Moneda de Potosí en 1649 Arquivado 14 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". Centro Numismático de Buenos Aires.
  8. Lane, Kris. "Corrupción y Dominación Colonial: El Gran Fraude a la Casa de la Moneda de Potosí en 1649". En Boletín del Instituto de Historia Argentina y Americana Dr. Emilio Ravignani 2015, (43). ISSN 0524-9767
  9. Sear, D. R. Greek Coins and Their Values. Vol II. Kings of Macedon. Ed. Spink & Son Ltd. 1979. ISBN 978-0713478501. Moeda nº 539.
  10. Head, Barclay V. Historia Numorum. Clarendon Press. Oxford. 1911. Páxinas 2-3.
  11. Head, Barclay V. Catalogue of the Greek Coins of Caria, Cos, Rhodes, &c Arquivado 16 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.. "Foundation of Rhodus. B.C. 408". Londres. 1897. Páxina cii.
  12. "Cecas. Bajo Imperio Romano (313-498 d. C.)". Tesorillo.com
  13. "COMOB". Forum Ancient Coins.
  14. "Algunas abreviaturas y leyendas usadas en numismática romana". Tesorillo.com
  15. "Mintmarks of the Fourth Century AD". Portable Antiquities Scheme.
  16. "Roman Mints and Officina". Forum Ancient Coins.
  17. Roberts, J. N. The Silver Coins of Medieval France (476-1610 A.D.). Attic Books. 1996. Páxinas 202-204. ISBN 9780915018543
  18. "La moneda visigoda". Historia de las monedas.
  19. "Monedas del reino Nazarí. Hallazgo de un tesorillo de 6 dirhams de plata en Loja datadas en el siglo XI". Blog de Bruno Alcaraz Masáts - Granada.
  20. Lhotka, John F. "Medieval European Coinage". Chicago Coin Club.
  21. Roma Valdés, A. "Las acuñaciones compostelanas a nombre de Alfonso VI". En Gallaecia. Nº 21. 2002. Páxinas 295-309. ISSN: 0211-8653."
  22. "Las cecas medievales leonesas y castellanas". Numismática antigua y medieval. Apuntes y notas de numismática antigua y medieval española.
  23. Porteous, J. Coins in history: A survey of coinage from the reform of Diocletian to the Latin Monetary Union. Weidenfeld and Nicholson. 1969. Páxinas 68 e 214. ISBN 9780297178545
  24. "Royal Mint Branch Mints". Chards. Coin and bullion dealer.
  25. Hobson, B. Historic Gold Coins of the World. 1971. Páxinas 129 e 132. ISBN 978-0713705447
  26. "Mint Marks". United States Mint.
  27. "All About Mintmarks Arquivado 14 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". Heritage Auctions.
  28. "Zeichen der Münzprägeanstalten in Deutschland[Ligazón morta]".
  29. "Isabel II y sus diferentes marcas de Ceca Arquivado 14 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". Numismático digital.
  30. "Director and Engraver Edge Marks of the Paris Mint". Exonumia.com
  31. "A ceca móbil de Lugo. Cuñacións galego-romanas". En Pita Fernández, Ricardo Luís. Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999. ISBN 84-605-9958-2.
  32. Ripollès, P. P. “Ceca del Noroeste”. En Las acuñaciones provinciales romanas de Hispania. Madrid. 2010. Páxinas 43-45.
  33. Villaronga, L. “Emisión monetaria augustea con escudo atribuible a P. Carisio y la zona norte de Hispania”. XI Congreso Nacional de Arqueología. Zaragoza. 1970. Páxinas 591-600.
  34. "Cecas galegas da época xermana". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999). Páxinas 47-60.
  35. Mateu y Llopis, F. "Los nombres de lugar en el numerario suevo y visigodo de Gallaecia y Lusitania". En Analecta Sacra Tarraconensia. 15. 1942.
  36. Roma Valdés, A. (2002). Loc. cit.
  37. Muro Carvajal, J. Monedas de Santiago Arquivado 04 de decembro de 2018 en Wayback Machine.. Madrid. 1883.
  38. * Muro Carvajal, J. Casa Real de Moneda de La Coruña. Noticias acerca de este antiguo establecimiento y de sus acuñaciones Arquivado 06 de marzo de 2019 en Wayback Machine.. Madrid. 1888 (hai unha edición facsímil da Libraría Arenas; A Coruña, 1989. ISBN 978-84-404-5238-2). (hai unha edición facsímil da Libraría Arenas; A Coruña, 1989. ISBN 978-84-404-5238-2).
  39. Roma Valdés, A. "La ubicación de las casas de moneda en la Europa medieval. El caso del reino de León". En XIV International Numismatic Congress, Glasgow 2009. 2011.
  40. "A Real Casa da Moeda de Santiago"; "As casas de moeda de Lugo, Ourense, Tui e Milmanda"; "A Real Casa da Moeda da Coruña". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999).
  41. Pita Fernández, Ricardo Luís. A Real Casa da Moeda de Xubia: breve historia e catálogo das súas cuñacións. Tórculo. Santiago. 1996. ISBN 84-89641-37-4
  42. "A Real Casa da Moeda de Xubia". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999).
  43. Bello Platas, Ana Isabel. A ceca de Xuvia. A derradeira fábrica de moeda de Galicia. Ed. Embora. Ferrol. 2006. ISBN 84-95460-55-6
  44. Bello Platas, Ana Isabel. "Las monedas de Juvia en el Museo Arqueológico e Histórico de A Coruña". En XV Congreso Nacional de Numismática (Madrid, 28-30 octubre 2014) Arquivado 04 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". Páxinas 565-578.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]